Saturday 18 de May de 2024

A Coruña promociónase estes días como destino internacional na World Travel Market de Londres


O Concello da Coruña participa nesta feira mundial a través do Consorcio de Turismo e Congresos

A oferta gastronómica, as Festas de María Pita ou diversos eventos culturais son algúns dos ingredientes para posicionar A Coruña entre as cidades máis visitadas o próximo ano

A gastronomía, a cultura ou a moda da Coruña promociónanse durante estes días na World Travel Market de Londres. O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, conta cun posto propio dentro do espazo de Turespaña e durante hoxe e mañá, martes, presentará A Coruña como un destino internacional na considerada como a segunda feira de Turismo máis importante a nivel mundial.

Durante a xornada inaugural o mostrador coruñés recibiu numerosas visitas de profesionais do sector ademais da do Ministro de Turismo, Héctor Gómez; a Secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo; ou o director xeral de Turespaña, Miguel Ángel Sanz.
A importancia de ser e estar

A World Travel Market de Londres reúne cada ano a todo tipo de destinos, tour operadores de turismo, hoteis, prensa especializada ou liñas aéreas e de servizo de viaxes.

Un encontro no que concellos, países e diversas entidades que queren destacar no mundo do turismo precisan estar para mostrarse ao mundo como un lugar idóneo para visitar. Neste caso, o encargado de reunirse con operadores británicos para promocionar A Coruña como destino internacional para o próximo ano é o xerente do Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña, Moisés Jorge Naranjo.

A gastronomía da cidade, as Festas de María Pita, festivais como o Noroeste Estrella Galicia ou o Morriña Fest, a programación do Coliseum, a Tempada Lírica, o Museo MEGA Estrella Galicia ou os concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia son algúns dos ingredientes utilizados para lograr a receita perfecta que continuará posicionando A Coruña como unha das cidades favoritas dos viaxeiros para visitar no 2024.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o terceiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Normalización Lingüística e Memoria Histórica, Gonzalo Castro, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.